jueves, 19 de junio de 2014

ARTE X SIRIA: INSUFLANDO SOLIDARIEDADE


19 Junio de 2014

"...Referímonos a “Arte x Siria”, unha bonita exposición que puido ser visitada na Fundación Novacaixagalicia até o 13 de xuño, e que veu ser un dos mellores tributos que se podía ter feito aos nenos sirios refuxiados por causa da guerra.

A solidariedade (a recadación de fondos) foi canalizada a través da Unicef. A venda de cadros, uns de porte mediano –bonitos óleos de Francisco Carreño, centrados tematicamente en restos de templos grecolatinos; acuarelas dun meandro do Éufrates en diversos instantes do día–, outros de porte máis pequeno –os “Fragmentos da memoria” de Franchu Medialdea: retallos de cidades tipicamente árabes cos seus zocos, minaretes, cúpulas, azoteas, rúas, medinas...–, e até excelentes fotografías con retratos de meniños, de Eloy Taboada, en que as limpas miradas, dunha franqueza e naturalidade pasmosas, se converten no motivo central; ou, aínda, esoutras instantáneas máis técnicas de Víctor Rivera, as dos útiles para a catalogación das distintas vasillas e obxectos que van sendo achados nesta fascinante escavación do Medio Éufrates Sirio.

Dirixido polo profesor da Facultade de Humanidades e Documentación da UDC, Juan-Luis Montero Fenollós, o citado proxecto arqueolóxico iniciábase no 2005. Sete anos ininterrompidos de escavación e investigación rigorosa que teñen rescatado desa codia de sedimentos –terra e adobe sobre todo– múltiplas representacións, cerámicas basicamente, fundamentais para o coñecemento da historia antiga e, en suma, para saber acerca das culturas que foron berce da nosa civilización. O achado dun selo cilíndrico e de dúas interesantísimas taboíñas cuneiformes de arxila do séc.XIII a.C. –primeiros textos procedentes dun lugar medioasirio do val do medio Éufrates–, confirma a importancia politico-económica do lugar. En resumo, logo, os esforzos do traballo de campo levado a cabo por este equipo hispano-sirio ..."

Por Henrique Dacosta
Link a la noticia completa en el Diario de Ferrol